Monday 16 de September de 2024

As viaxes en catamarán con saída dende A Pobra continúan neste mes de xullo con Sálvora e Ons


Dous novos catamaráns partirán neste mes de xullo dende A Pobra do Caramiñal con dirección ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Despois de que o programa de viaxes comezase no mes de xuño visitando Cíes, no 21 de xullo porase rumbo a Sálvora e no 28 de xullo será a quenda de Ons.

“Como constata a programación turística para este verán, A Pobra mira ao mar, con actividades de lecer para desfrutar da localidade e coñecer outras paraxes naturais con moito reclamo. Porque o noso slogan é A Pobra do Caramiñal, vive a experiencia… e iso é o que queremos para a nosa veciñanza e visitantes: que sexan parte activa desta axenda, que vivan na súa pel todo canto temos para ofrecer”, declara a concelleira do Turismo, Estefanía Ramos.

Estas travesías náuticas proseguirán nos vindeiros meses: no 3 de agosto vivirase a experiencia Starlight, en Sálvora, para coñecer este anaco de terra na bocana da ría da Arousa durante a tarde-noite e observa-las estrelas dun ceo sen contaminación lumínica; no 11 de agosto regresarase a Ons; e Cíes porá o broche de ouro a esta serie de saídas no 1 de setembro.

Tódalas elas inclúen ruta guiada. Para Cíes e a Starlight de Sálvora teñen un prezo de 34 euros por persoa adulta, mentres que a Ons e a diúrna a Sálvora baixa ata os 30 euros. No que respecta a crianzas entre 4 e 12 anos, o importe a pagar sitúase nos 18 euros en tódalas viaxes.

As reservas formalizaranse a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Tamén están ao dispor os teléfonos do Departamento do Turismo para a resolución de dúbidas: 671090262 e 687482835.